lunes, 10 de junio de 2019

VINDEREL (coro veteranos Xunqueira 1)




Foto provisional na que faltan membros e hai membros do coro do instituto.

Despois de case 20 anos de traxectoria e todos os camiños que fomos percorrendo, e os escalóns que subimos, sen presa, pero sen pausa - dende actuacións no instituto, nos institutos próximos, teatros e auditorio da cidade, auditorios próximos, intercambios con outros coros escolares de distintas comunidades, gravacións de dous discos, participacións nas tres edicións de Ourencanto, actuacións en algunhas igrexas de Pontevedra e arredores, rematando co logro do 1º premio no campionato nacional de coros escolares do MEC- o Coro da Xunqueira 1 é unha entidade con personalidade propia, un grupo humano que engule con amizade, bo ambiente e cariño a toda persoa que quere formar parte dela e, por suposto, está disposta a aportar un potente grao de compromiso, disciplina e traballo, empatía e simpatía, sen as cales non se poderían enfrontar os retos que a nosa directora e autora coral nos presenta cada ano.

A progresión do coro non admite ningunha dúbida -sabémolo ben os que levamos nel dende o comezo, ou simplemente 6 ou 7 anos-, polo que non é de estrañar que os membros que deixan de ser alumnos do instituto, queiran seguir sendo membros do coro.  Deste xeito naceu unha nova sección, Vinderel - nome que xa explicaremos algún día-, formado por exalumnos/as do instituto, que xa non poden formar parte do coro escolar, pero queren seguir formando parte do coro.

Somos uns 25 - e esperamos que aumente con cada promoción que deixe o instituto- os que iniciamos un camiño a principio do presente curso, e que xa nos presentamos con un concerto na Peregrina o día 29 de Marzo; ó parecer con bastante éxito, xa que nos propuxeron inmediatamente cantar a misa da festa maior de Pontevedra - unha honra para calquera pontevedrés.

O proxecto ten boa pinta, xa que conta con cantores que veñen coa formación, a filosofía de grupo e un determinado carácter musical do Coro a Xunqueira 1, cuio nivel non pode estar en 
dúbida neste momento, dados os éxitos desta xeración.

Arturo Neira

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Procurade que os comentarios non sexan longos. Se algún membro do coro ou orquestra quere publicar unha entrada longa, ou colaboración, poderá facelo poñéndose en contacto co profe Arturo.