Historia


Fai moitos anos que o IES A Xunqueira I soa a música. Mentres fas unha garda ou traballas no departamento coa ventá aberta, podes oir dende xilófonos ou frautas, ata baixos, baterías, trompetas, piano.... e cancións. Dous ou tres recreos á semana, os de secretaría disfrutan, e pode que incluso ás veces se cansen, de escoitar os ensaios do coro na áula de música, mentres na outra aula ou no salón de usos múltiples, soan instrumentos de todos os tipos, incluso polas tardes.

Dende aquel "O Cuco" ou "Tant que Vivray", de Sermisy, ata as cancións estrela dos últimos anos, "Iparadhisi" , Syahamba", "Halleluja" ou “Can't Help Falling in Love” pasaron uns dez anos nun suspiro. Daquela, a parte masculina eramos catro profes: Miguel e Couso, baixos, e Fermín e Arturo, tenores.  Mulleres sempre hai máis.  Luisa, que facía de contralto, e un grupo non moi grande de alumnas.  As primeiras actuacións foron na sala de usos múltiples do instituto, que non é un sitio ideal para actuacións.  Era algo novo, sinxelo, modesto.  A orquesta era moito máis numerosa que o coro.
Recordo a primeira actuación no Teatro Principal.  Metémonos nos camerinos. Todos estabamos nerviosos; era a primeira vez para a maioria.  A actuación resultou brilante para unha orquesta numerosa con bastantes alumnos que tocaban realmente ben.  Quero destacar a sección de frautas, que eran os alumnos do instituto que non tocaban nin en bandas, nin no conservatorio, era creación dos profes do instituto.  Soaba moi ben.  Da calidade de aquela orquestra quedou constancia no CD “Rock no Ensino Público”. Para o coro fora difícil.  Pouco coro para tanta orquestra.  Recordo o solo de Fermín e Arturo no Balaio.  Démolo todo.  Resultado, "non se vos oía", dixéronme logo. De feito, o coro non participou no disco porque ainda estabamos bastante verdes.
As cousas foron avanzando.  Viñeron as clases de Daniella.  Respiración, colocación da voz, preparación para cantar.  Foi unha gran experiencia, que a algúns mesmo mos axudou a falar mellor e cansarnos menos nas clases.  E o coro foi tomando vida propia.  Empezamos a ter cancións con acompañamento, pero sen toda a orquesta, oíasenos.  Luísa fíxose cargo dos ensaios e da dirección do coro e Miguel dedicouse a banda. E nuns tres anos, contando cunha xeración de alumnos participativos e coa tradición que fixo que cantar no coro non fose xa unha actividade de unas poucas nenas e catro alumnos “raros”, a evolución foi realmente espectacular. Penso que os profesores percibiron que se creara o ambiente adecuado para progresar e non deixaron escapar a ocasión. Tres recreos de ensaio e duas horas nas tardes dos xoves para preparar a grabación dun novo disco.
Eramos máis de 50 personas na aula de música, e a representante da Consellería que veu ver o ensaio tiña expresión de “non me esperaba isto, nin de coña”. Axudáronos económicamente para facer a grabación no Auditorio o día 14 de Abril de 2010. Foi un día moi especial para todos; estivemos no auditorio dende as 9 da mañán ata as 10 da noite: ensaio, proba, “hai que cambiar os micros”, “hai que poñer pantallas, que non nos oímos”, comer, volta a preparar e ensaiar e, finalmente, a actuación, cunha importante asistencia de público, dende compañeiros e amigos de profesores e alumnos ata pais e autoridades municipais e da Consellería. A grabación rematouse ó comenzo do curso 2011-12 nunha sala do Auditorio.



O resultado está ahí, o CD “Nenos Do Jazz”, 19 pezas musicais dunha calidade sobresainte para un centro de ensino. O resultado ven do traballo, entusiasmo e vocación de dous profes que pensan que estudiar música non ten sentido se non pon en práctica, e da ilusión e apoio das distintas direccións, empezando por Domingo Costas e seguindo por Lola Varela e os seus equipos directivos; ademáis dos profesores e profesoras que colaboramos no coro, os seguidores e seguidoras habiuais, como Elena, Luísa Fernanda ou Rozados, a quén debemos a maioría das fotos e grabacións, e en xeral todos os membros do claustro que son comprensivos cando os alumnos da División Músical faltan por ensaio xeral ou actuación, e que nos animan alí onde actuemos, o que sucede con frecuencia nos últimos anos.
Neste curso tivemos a Presentación do disco Nenos Do Jazz no Teatro Principal, Festival de Navidade do instituto, Festival de Navidade no Mercantíl de Pontevedra, Xuntanza de coros da Diputación Provincial no Teatro Principal, onde eramos o único coro xuvenil -coa excepción de 3 profes-, Xira por 3 institutos e a Casa da Cultura de Monforte de Lemos, Semana da Música do IES a Xunqueira 2, outra actuación en Maio no Mercantil e supoño que quedarán unhas cuantas máis.

Outro aspecto importante durante este curso foi a presencia nos medios de comunicación: Radio Galega, TVG e TVE Galicia pasaron polo centro para informar das actividades do Coro e Orquestra do instituto, tamén pasamos por Localia donde nos entrevistaron no Trolebús, tras vernos no Mercantil – e comprobar que cando se fala do Coro do Instituto a miúdo xa non se fala do Coro de Ex Cantores do Ies Sánchez Cantón, senon que hai alumnos “en activo” que cantan. Por outro lado, a presencia nos medios escritos é moi habitual.

Un aspecto que compre resaltar é a educación musical, que levou aos alumnos do centro a ver de que hai máis música que a que sae nos “40 principales,” que supuxo todo este proceso e tradición. Dende as primeiras actuacións fai uns 10 anos, donde o silencio e a atención eran un problema, ata entender que ten que haber silencio absoluto para afinar os instrumentos ou dar a nota, e o respecto e aprecio polo que tocan e cantan os compañeiros hai un abismo. Uns 100 alumnos, unha quinta parte dos alumnos do centro, participaron no CD, aparte de concertos de grupos de música moderna no centro, nos que participaron moitos outros.

A directora, Luísa, estivo de baixa para criar a Mateo, o seu segundo fillo, e volve con gañas e novas cancións; hai moitas rapazas e rapaces, incluso de 1º da E.S.O. que xa se integraron no coro- porque se marcharon bastantes cantor@s do ano pasado, e a música sigue soando no noso instituto. Que sexa por moitos anos.

Dende fai pouco, temos tamén un blog e unha páxina, que pretenden dar a coñecer as actividades do coro e banda, mostrar fotos, videos da historia do coro, enlaces a vídeos en Youtube, notas de prensa, actuaciónsetc., e permitir que toda aquela persona que queira poida participar con comentarios ou con aportacións sobre o noso traballo. Estamos empezando, espero que os membros e fans se animen a participar.



No comments:

Post a Comment

Procurade que os comentarios non sexan longos. Se algún membro do coro ou orquestra quere publicar unha entrada longa, ou colaboración, poderá facelo poñéndose en contacto co profe Arturo.